Subir
Concello de Crecente

Torre de Fornelos

Situación: A Torre-Crecente.
Época: Idade Media.
Estado de conservación: Ruinas.
Titularidade: Privada.
Torre de Fornelos

Construción erixida na Idade Media, da cal, a primeira referencia documental que posuímos data do ano 1158 (século XII). Emprazada na marxe dereita do Río Ribadil, consérvase soamente a torre da homenaxe e restos da muralla e construcións anexas.

Esta torre da homenaxe é de base cadrada, ao igual que o resto da fortaleza que contaba cunha serie de dependencias, un foso, unha muralla exterior e unha ponte levadiza situada á altura da porta con arco de medio punto situada no primeiro piso. Posuía a torre tres pisos e soto, presentando unha altura de 19 metros sobre o chan na parte oriental e 11 metros na occidental onde se situaba o patio de armas. Os seus muros de cadeirado de granito presentan un grosor de dous metros.

Actualmente, a torre encóntrase en estado ruinoso, ao que contribuíu non só o paso o tempo, senón tamén a acción humana, xa que nos anos 40 sufriu a demolición dos muros do que debeu ser a zona residencial, aproveitándose as devanditas pedras para outras edificacións.

A importancia histórica da fortaleza de Fornelos queda reflectida no seu frecuente nomeamento nas loitas entre Alfonso VII (rei de Galicia) e o seu primo Alfonso Enríquez (rei de Portugal) que deron lugar á independencia de Portugal.

Sancho I de Portugal doara este lugar aos fundadores da Casa de Fornelos, Dona Aldonza Vázquez de Fornelos e Fernán Pérez de Castro que pasaron a ser donos da fortaleza. Foi na segunda metade do século XV, cando as revoltas Irmandiñas esnaquizaron o castelo de Fornelos, que tempo despois reconstruiría Pedro Madruga, quen mantivo preso ao bispo de Tui, Don Diego de Muros, no alxibe de Fornelos durante quince días, sendo causa de posteriores litixios entre o bispo e Pedro Madruga.

Esta inimizade quedará reflectida no coñecido como "cerco de Fornelos" de 1482, que consistiu nun ataque protagonizado pola alianza do bispo de Tui, Diego de Muros, con García Sarmiento, Lope de Montenegro (alcalde maior de Pontevedra) xunto a Francisco Aballe e Lope de Aballe, tío e sobriño resultarían mortos no infrutuoso asedio.

É destacable, na historia de Fornelos, que tras a declaración de paz entre os Reis Católicos e a Coroa Portuguesa, o 27 de setembro de 1479, houbo unha restitución xeral de propiedades e o gobernador, Fernando Acuña, concertou con todos os señores o derrubamento das fortalezas novas, deixando a de Fornelos e Salvaterra.

En canto ás liñaxes que habitaron esta fortaleza, hai que ter presente que os señores de Fornelos emparentaron cos señores de Sotomayor no século XIV, cando Don Pedro Paéz de Sotomayor casa con dona Inés Anes de Castro, señora de Fornelos. Entre os personaxes históricos que se relacionan coa fortaleza están Martín Sánchez, fillo bastardo de Sancho I de Portugal; Juan de Castro, bispo de Tui e Álvaro Pérez de Sotomayor.

Cronoloxía da Fortaleza de Fornelos:

1158

Aparece citada en documentación relativa ás guerras fronteirizas entre Alfonso VII (rei de Galicia) e Alfonso Enriques (rei de Portugal).

1185
1211

Sancho I de Portugal concede o feudo de Fornelos a Aldonza Vázquez de Fornelos, quen entronca cos Castro a través do matrimonio.

1351

Comeza o pontificado de Juan de Castro, bispo de Tui, nacido na nobre casa de Fornelos.

1476

Fornelos como propiedade do nobre galego Pedro Madruga.

1481

Sendo dono da fortaleza o conde de Camiña, foi asediada polos seus inimigos Diego de Muros (bispo de Tui), García Sarmiento (señor de Sobroso), Lope Montenegro (alcalde maior de Pontevedra), Francisco de Aballe e Lope de Aballe. Só quince homes defendían a fortaleza morrendo os dous últimos na pelexa, retirándose o resto de asediantes.

1485

Paio Veloso, capitán de Pedro Madruga, prende ao bispo de Tui, Diego de Muros e é posto en poder do Conde de Camiña, quen o leva de castelo en castelo, permanecendo trece días no alxibe de Fornelos.

1489

Comeza o conflito xurisdicional entre o señorío de Fornelos e o Mosteiro de Celanova, con motivo da pasaxe da barca de Filgueira.

1517

Fornelos é escenario da confrontación violenta entre Pedro Álvarez de Sotomayor e a súa nai, Inés Enríquez de Monroy, asasinada en Cequeliños por mandato do seu fillo.

1525

Fornelos é protagonista de enfrontamentos entre casteláns e portugueses.

1537

Os veciños de San Martiño de Ladróns presentan unha queixa ante o rei polos desmandos do meiriño da fortaleza, Diego Dabale.

1542

É señora de Fornelos Doña Urraca de Moscoso.

1553

É meiriño da fortaleza Juan Núñez Alid, que actúa como representante de Fornelos fronte ao mosteiro de Alveos, nun novo conflito xurisdicional.

1603

Os propietarios neste momento eran María de Urquizu e Pedro de Sotomayor. Aparece nunha relación de fortalezas que posuían cárceres realizados pola audiencia do Reino de Galicia.

Galería de fotos

Torre de Fornelos
Calendario

ACTIVIDADES

Cargando ...

SEDE ELECTRÓNICA

Sede Electrónica
Cargando ...
Xunta de Galicia
Diario Oficial de Galicia
Boletín oficial de Pontevedra
Deputación de Pontevedra
Adobe Acrobat

Dirección

  • Rúa Solís Ruíz, 5 - 36420 Crecente (Pontevedra) - Galicia (Spain)
  • Teléfono: (+34) 986 666 300 / Fax: (+34) 986 666 251
  • E-mail: info@crecente.es

© 2015 Concello de Crecente - Todos os dereitos reservados - Aviso legal | Política de privacidade | Acceso privado    //    Deseño e programación web Grupo5.com

As cookies permítennos ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, acéptase o uso que facemos das cookies. ACEPTAR  pulsar aqui para máis información.