Subir
Concello de Crecente

Pazo de "O Barreiro"

Situación: Pedrabranca-Villar.
Época: Século XVIII.
Estilo: Barroco.
Estado conservación: Bo.
Titularidade: Privado.
Pazo de 'O Barreiro'

Pazo de admirable beleza arquitectónica e paisaxista, datado no século XVIII aínda que foi levantado sobre unha construción anterior, as ruínas da Torre do Couto (1242, século XIII). Iste exemplo de arquitectura barroca galega é considerado como un dos exemplares máis representativos da arquitectura "pacega" do Baixo Miño.

A súa estrutura responde a un pazo defensivo e estratéxico dende o punto de vista militar. As súas construcións son de granito con paredes de grande espesor. A planta é en forma de "U", constando de dúas ás laterais, unidas por balconada de pedra e escaleira dobre. A contrafachada dispón de patio no que hai dúas escaleiras con peitoril moldurado.

Dentro do recinto murado tamén se encontra unha capela baixo o padroado de San Mauricio. Esta capela presenta planta rectangular, porta alintelada, escudo e espadana dun só van e pináculos rematados en bólas. A cuberta é a dúas augas.

Ademais tamén posúe pombal e hórreo, o cal responde ás características da zona con estrutura de pedra e peche de madeira, destacando polas súas dimensións de cinco pés.

O pazo rodeado de terreo e monte, conserva restos de construcións defensivas que lle dan ao conxunto o carácter de baluarte estratéxico na guerra de independencia contra as tropas de Napoleón, pois desta familia propietaria do pazo era Don Mauricio Troncoso, caudillo do levantamento popular. A tradición di que na balconada do pazo se perfilou a batalla dos patriotas de Crecente contra as tropas do xeneral Soult, onde destacou a acción do abade do Couto.

Na fachada do devandito edificio sitúase o escudo da familia propietaria, os Troncoso de Lira Sotomayor e Gil de Araujo, descendentes dos primeiros condes de Crecente.

Os propietarios do pazo son titulares dos señoríos de "Liñares" e "Nogueiras", instituídos no século XVIII, que exercían o Padroado "in solidum" sobre varios curatos dos arciprestados de Valeixe e Crecente. Ademais estendían a súa vinculación e influencia cara a outras casas señoriais: Gil Araujo e Cervellón (Valeixe), Reguengo e Pombeiro (Mourentán) e, por último, Gomariz e Pazos de Arenteiro (Ourense).

Ademais desta importancia señorial, o Pazo de "O Barreiro" historicamente está unido á defensa do Reino de España nas guerras con Portugal, a Guerra de Sucesión, a Guerra da Independencia, e en todas as contendas civís do século XIX, cando os seus titulares asumiron a defensa da causa constitucional.

Fronte aos seus muros estivo a "marca fronteiriza" nos sucesos de 1388-1389, na ocupación definitiva de Melgaço polos portugueses, despois do fracaso do exército de Castela fronte a Lisboa, onde encontra a morte Don Pedro Ruiz Sarmiento, Adiantado Maior de Galicia e Señor das terras do Baixo Miño.

Da historiografía máis recente dicir que "O Barreiro" foi unha das bases máis importantes da guerra que sostivo García Sarmiento contra un sector da nobreza do Baixo Miño, aliada do Rei de Portugal.

"O Barreiro" foi asento das milicias do reino durante as Guerras Civís, xunto co señorío Das achas, defendendo a causa liberal, fronte a outras hidalguías aliadas do Carlismo.

A páxina máis gloriosa do pazo, inscríbese na Guerra de Independencia, como cuartel Xeneral da División do Miño, recrutada por Don Mauricio Troncoso de Lira e Sotomayor, Señor de "O Barreiro" e Abade do Couto, para loitar contra o exército de Napoleón, que dominaba o reino de Galicia.

Os últimos titulares do Señorío foron Don Mauricio Troncoso Sarmiento Lira e Sotomayor e Don Mauricio Troncoso Penedo Cervela e Pardo. Actualmente os propietarios son os herdeiros de Don Antonio Troncoso de Castro Sarmiento.

Galería de fotos

Escudo familiar na fachada Pazo de 'O Barreiro' Pazo de 'O Barreiro' Patio interior Xardíns Capela Interior capela Detalle interior capela Balconada Pazo de 'O Barreiro'
Calendario

ACTIVIDADES

Cargando ...

SEDE ELECTRÓNICA

Sede Electrónica
Cargando ...
Xunta de Galicia
Diario Oficial de Galicia
Boletín oficial de Pontevedra
Deputación de Pontevedra
Adobe Acrobat

Dirección

  • Rúa Solís Ruíz, 5 - 36420 Crecente (Pontevedra) - Galicia (Spain)
  • Teléfono: (+34) 986 666 300 / Fax: (+34) 986 666 251
  • E-mail: info@crecente.es

© 2015 Concello de Crecente - Todos os dereitos reservados - Aviso legal | Política de privacidade | Acceso privado    //    Deseño e programación web Grupo5.com

As cookies permítennos ofrecer os nosos servizos. Ao utilizar os nosos servizos, acéptase o uso que facemos das cookies. ACEPTAR  pulsar aqui para máis información.